O vindeiro domingo día 21 de abril de 2019 dispútase na localidade de Fene, a Final Provincial de Dúatlon en idade escolar. A proba está enmarcada dentro do programa Xogade que promove a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e conta coa organización conxunta da Federación Galega de Tríatlon e o Club Tríatlon Ferrol. Ata a localidade ferrolá desprazaranse 18 equipos que mobilizarán a un total de 227 duatletas de base. Nen@s de idades comprendidas entre os 9 e os 16 anos, que demostrarán as súas habilidades desde as 10:15 horas e ao longo da mañá nas 6 carreiras da xornada. En canto á nosa participación cabe mencionar que tomaremos parte con 29 deportistas das Escolas de Tríatlon que desde a AD.Fogar estamos a promover en Carballo e Oleiros, tras acadar a súa clasificación na fase previa. Destes, 3 pertencen á categoría benxamín, 9 á alevín, 7 á infantil e outros 10 á cadete, inscrición que achegamos a esta noticia. Ademais no apartado de descargas escola desta mesma web podedes consultar tamén a normativa desta Final Provincial de Dúatlon Escolar a celebrar en Fene.