A pasada fin de semana, Elisa Pichel e Cora Vinagre desprazábanse a Tarragona para tomar parte no XXX Campionato de España Open Máster de Verán que contou coa presenza de 145 clubs e o concurso de 969 Mestres, 569 homes e 400 mulleres. As representantes de Carballo e Oleiros callaron un gran torneo sumando 3 medallas, 5 plusmarcas galegas e outras 5 do club. Elisa Pichel acadaba as medallas de ouro nas probas dos 400 estilos e os 200 braza e a medalla de prata nos 400 libres e batía 4 récords galegos (100 e 200 braza, 400 estilos e libres) e 5 do club (50 e 100 bolboreta, 100 e 200 braza e 400 estilos) na súa categoría, a de 35 a 39 anos. Pola súa banda Cora Vinagre volvía ser 4ª, a un banzo do podio nos 200 costas, proba na que batía o récord galego dos 30 a 34 anos. Cora rematou 5ª nos 100 costas e os 400 libres e 9ª nos 200 libres. Os resultados das mestras de Carballo e Oleiros están dispoñibles no apartado de descargas máster desta mesma web. Ademais podedes consultar tamén todo o referente a este Campionato de España Open de Natación Máster de verán na seguinte ligazón: https://rfen.es/es/section/master-verano-2019