A pasada fin de semana 18 nadadores-as da AD.Fogar de Carballo e Oleiros tomaban parte no Complexo Deportivo Rías do Sur en Pontevedra, no Campionato Galego de Natación Infantil e Júnior de Inverno e a Copa Galega Sénior. O torneo rexional contaba coa presenza de 27 equipos e o concurso de 381 nadadores e nadadoras da nosa comunidade. En canto á nosa participación destacar que se saldou con 4 mellores marcas do club, 1 tope nacional absoluto e 3 medallas. Así as medallas eran para Miguel Abelenda, que se facía co ouro nos 200 libres e a prata nos 100 libres da categoría infantil e para Alejandro Méndez que gañaba o bronce na proba dos 100 metros libres da categoría júnior. Os récords do club batíanos Miguel Abelenda nos 100 e os 200 metros libres e nos 100 bolboreta na categoría de 16 anos e Manuel Verdes na proba dos 50 braza da categoría absoluta, proba na que acadaba ademais a mínima para os nacionais absolutos de primavera e verán. En canto a clasificación conxunta por equipos fomos 7º infantís, e 19º júniors. Podedes consultar os nosos resultados no apartado descargas natación desta mesma web; ademais todo o referente a este rexional de inverno infantil e júnior e á copa galega sénior podédelo atopar na ligazón federativa https://www.fegan.org/post/1789.