O pasado sábado día 2 de novembro de 2019 a Piscina Municipal Carballo Calero da Zona Bergantiños en Carballo, acollía a primeira das tres xornadas preliminares da Liga Galega de Clubs na súa Segunda División. Na mesma os 20 representantes da AD.Fogar de Carballo e Oleiros postulábanse como serios candidatos ao ascenso á 1ª división despois de acadar a segunda praza a tan só 7 puntos do primeiro clasificado o CN.Arteixo que gañaba a xornada con 360 puntos. Os nosos fixeron 353 puntos, 30 máis que o CN.Marina Ferrol que sumaba 323, por detrás o CN.Vigo Rías Baixas facía 251 o USC 176 e o CN.Xove 175. Con estes resultados a clasificación provisional queda como segue, 1º Arteixo con 7 puntos, 2º Fogar con 5, 3º Marina con 4, 4º Rías con 3, 5º Universitario con 2 e 6º Xove con 1 punto. A xornada deparounos as vitorias de Manuel Verdes nos 200 costas, Iván Fernández nos 100 bolboreta e os cuartetos masculinos de substitucións dos 4x50 estilos e 4x100 libres. Cabe subliñar tamén as actuacións de dous xóvenes valores en alza, Nana Suárez que batía a mellor marca do club dos 14 anos nos 400 libres e a absoluta nos 200 estilos, e Miguel Abelenda que establecía unha nova mellor marca do club dos 15 anos na proba dos 400 metros libres. Os resultados da xornada celebrada en Carballo poden consultarse no apartado de descargas natación desta mesma web.