Os pasados 28, 29 e 30 de decembro de 2018 once nadadores da AD. Fogar de Carballo e Oleiros tomaban parte no Campionato Galego Absoluto de Natación Open de Inverno que en sesións de mañá (eliminatorias) e tarde (finais) disputábase na Piscina Municipal de Santa Isabel, en Santiago de Compostela. Alí os nosos despedían o ano cunha moi boa actuación tras clasificarse para nadar nove finais, unha delas A na loita polas medallas, e outras oito B para dilucidar os postos do 9º ao 16º. Para nadar a final A clasificábase Manuel Verdes na proba dos 100 braza na que acadou o 4º posto. Para as finais B clasificábanse, Manuel Verdes nos 100 e 200 costas e nos 200 estilos (11º, 14º e 16º clasificado respectivamente), Pablo Balsa nos 50 costas (12º clasificado), Pablo Negreira nos 50 bolboreta (13º clasificado), Alejandro Méndez nos 200 bolboreta (14º clasificado) e Nana Suárez nos 200 e 400 estilos (15ª e 16ª clasificada). Por equipos fomos finalmente 11ª da clasificación masculina e 16º da conxunta, entre os 30 equipos participantes no torneo. Os nosos nadadores acadaban tamén 17 mellores marcas persoais e 4 mellores marcas do club, as de Miguel Abelenda na categoría de 14 anos nos 800 e 1500 libres, a de Alejandro Méndez de 16 anos nos 200 bolboreta e a de Nana Suárez de 13 anos nos 200 estilos. Na proba dos 1500 libres Miguel Abelenda sumaba ademáis a súa primeira mínima de participación para o Campionato de España Infantil de Inverno. Os resultados dos nadadores de Carballo e Oleiros poden consultarse no apartado de descargas natación desta mesma web; ademais na ligazón federativa https://www.fegan.org/post/1748 podedes atopar os detalles pormenorizados do campionato.